«A innovación fíxonos líderes en España e agora queremos ser líderes mundiais».

A aposta polo deseño cambiou para sempre o rumbo de TMC Cancela. Desde Tordoia (A Coruña) exporta a medio mundo a maquinaria de trituración para agricultura, forestal e construción máis innovadora e imitada do mercado. A empresa camiña cara a unha nova gama de produtos máis sustentables co mesmo espírito de evolución continua das súas orixes.

O corazón corporativo de TMC Cancela non ten nada que envexar a calquera estudo de arquitectura moderna ou á sede dunha gran cadea de moda. É un espazo aberto e minimalista, con poucas e rechamantes cores, onde se concibe e fabrica a tecnoloxía de trituración máis vendida en España para os sectores primario, forestal e da construción, sen facerlles caso “ás vellas normas”. Os seus modelos desfilan ao ritmo da música por unha canle de Youtube e un perfil de Instagram, marcando as tendencias globais dun sector pouco dado a coidar ao estilo.

De feito, a empresa de Tordoia tampouco destacou pola estética nos inicios. Manuel Cancela e a súa muller, Consuelo Rodríguez, abriron en 1971 un pequeno taller de maquinaria para atender a demanda dos agricultores e gandeiros da zona. Despois de desenvolver as súas propias patentes de apeiros agrícolas, entraron de cheo na fabricación. A dirección entendeu moi pronto que a especialización non bastaba para facerse un oco “nun mercado tan homoxéneo”.

Unha imaxe unificada e atractiva

“Todas as máquinas se parecían, eran bastas, brutas, sen ningún atractivo para o usuario”, conta Iván Lema, enxeñeiro en deseño industrial de TMC Cancela. Os fundadores decidiron crear un departamento creativo para reflectir no produto final “todo o traballo que había detrás”. O salto á segunda xeración en 2008, con Javier Cancela á fronte, reforzou a aposta polo deseño, “ata integralo no ADN da empresa”.

Materiais máis lixeiros, estruturas menos bruscas e cores inéditas. Despedíronse dos vermellos e verdes clásicos no sector e elixiron o negro para o chasis e o laranxa noutros compoñentes, os mesmos tons que visten a marca “para crear unha identidade propia e recoñecible. A xente sabe que está a comprar TMC Cancela –apunta Lema–. Atopámonos con competidores sen unha estratexia de empresa definida que tratan de imitarnos e o que realmente fan é potenciar aínda máis a nosa imaxe”.

Impacto na facturación

A diferenciación catapultou as vendas desde os 3 millóns de euros daquel momento a 25 millóns en 2020. Entraron 100 traballadores. Tanto o emprego como a facturación seguirán aumentando coa ampliación de 7000 metros cadrados nas instalacións para atender toda a demanda dos 50 países aos que exporta a través da súa rede comercial e de dúas filiais en Estados Unidos e Rusia.

Pasar de ser un taller a unha gran factoría con negocio internacional implicou tamén unha reestruturación a fondo na forma de producir. “A dixitalización integra toda a información do proceso, desde o deseño ata a expedición do produto, e témola en tempo real”, explica o enxeñeiro, gañando control sobre a calidade e axilidade “para mellorar a asignación de recursos”. Entre as solucións de industria 4.0 incorporadas pola compañía destacan as tecnoloxías wearable, a internet das cousas e a realidade aumentada, que lle permite mostrar aos clientes os seus produtos a escala real.

Os novos retos

Nestas catro décadas de expansión, TMC Cancela non perdeu de vista as súas orixes no rural, o que supón “un compromiso co coidado do medio ambiente”, segundo Lema. E a iso tamén vai enfocada a súa innovación, cara a un catálogo de produtos sustentables de menor consumo e “cos avances tecnolóxicos necesarios para unha maior eficiencia no traballo e durabilidade”.

O departamento de I+D de TMC Cancela, que recibiu o respaldo do Programa Principia da Axencia Galega de Innovación para reforzar o cadro de tecnólogos, deulle forma a un aceiro especial chamado Flexi Steel, adaptado ás necesidades da empresa e “cun plus das prestacións estruturais que non teñen outros aceiros estándares. Recupera a forma orixinal tras unha deformación ou un impacto e, á vez, soporta cargas moito maiores e resiste mellor a fatiga”, describe Iván Lema.

Por que innovar?

A evolución da facturación de TMC Cancela é seguramente a mellor carta de presentación para demostrar o poder da innovación nun mercado globalizado. “É o camiño para a diferenciación”, sostén Iván Lema, “o que nos permitiu crecer e converternos nun refente”. O investimento para sacar novos e mellores produtos, ter materiais máis sofisticados e incrementar a competitividade na produción “son a base, xunto coa aposta polo deseño, da estratexia da empresa. O noso obxectivo é claro: somos líderes en España, pero queremos ser líderes no mundo”, afirma o enxeñeiro industrial.

TMC Cancela pon no centro das súas decisións de innovación aos clientes, “como xa facía o fundador coa súa inquietude por dar solucións aos agricultores”. Os compradores mesmo participan ás veces nas reunións internas para as investigacións de mercado. Todos os traballadores achegan as súas ideas para conseguir “propostas de valor” coas que responder rapidamente ás necesidades do mercado.

Visualiza e descarga a reportaxe en PDF.

Imaxes relacionadas

Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.