Se xa en solitario radares e drons permiten prestar unha enorme gama de servizos cada vez máis sofisticados, xuntos forman un superheroe 4.0. Olfacto privilexiado e o poder de voar. Co seu propio sistema de sensores de gran precisión patentado, Raytrack aproveita esa simbiose tecnolóxica para buscar minas antipersoa e inspeccionar o estado de antenas.

O Ministerio do Aire do Reino Unido estaba disposto a recompensar con 1.000 libras a quen conseguise derrubar unha ovella a 100 pasos de distancia cunha onda eléctrica. Toda unha fortuna naquel momento, 1935, en pleno clima prebélico pola ameaza nazi en Europa. Ao goberno británico obsesionáballe o rumor de que o exército alemán fabricara o temido raio da morte. Ninguén parecía saber como ata que o reto caeu en mans de Rober Watson-Watt, o director de Radio Research Station, e do seu axudante Arnold Wilkins.

Primeiro pensaron na forma de subir a temperatura dun piloto inimigo a 41 graos para deixalo KO. Axiña caeron na conta de que era absurdo. Necesitaban demasiada enerxía. “Ben, se o raio da morte non é posible, como podemos axudar?”, expuxo Watson-Watt. Do ataque pasaron á prevención. Usando as ondas de radio dun transmisor da cadea BBC, os científicos conseguiron detectar a presenza de avións a uns 12 quilómetros pola especie de eco que provocan ao voar preto dos receptores.

Coma moitas outras tecnoloxías, o radar naceu da investigación militar e hoxe é un ben esencial do sector civil. Guía o tráfico aéreo, controla a velocidade dos coches ou avisa das borrascas. Raytrack vai mesmo un paso máis aló. Ou, mellor dito, un voo máis porque dá alas ao bo olfacto dos radares embarcándoos en drons para multiplicar as súas funcións. Esta spin-off da Universidade de Vigo e a de Oviedo formou parte da primeira edición de BFAero, a aceleradora do sector aeronáutico e dos vehículos non tripulados (UAVs) de Galicia impulsada pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain).

“Deunos difusión de marca, formación empresarial moi enfocada ao práctico, acceso ás infraestruturas do aeródromo de Rozas e contacto con empresas punteiras do sector como Indra e Babcock, coas que analizamos proxectos conxuntos –conta Yolanda Rodríguez, responsable de I+D de Raytrack–. Estamos convencidos de que nos próximos anos espremeremos aínda máis a nosa participación”.

Un enfoque distinto

Despois dunha década desenvolvendo tecnoloxías radar e técnicas de imaging, o grupo conseguiu patentar un novo sistema que integra un xeorradar nun UAV, capaz de xerar ilustracións en 3D do subsolo para detectar obxectos enterrados co apoio do sinal dun satélite. “Hai compañías que tentan embarcar radares específicos de terra para aumentar a súa capacidade, polo que teñen que deseñar un dron novo –explica Rodríguez–. O noso enfoque é distinto. Adaptamos as características do radar para instalalo nun UAV xa existente e simplificar o proceso”.

O encaixe de ambas as dúas tecnoloxías abre un campo enorme de aplicacións fronte a outros sensores sen os límites que, por exemplo, teñen os vehículos terrestres. “A creación da spin-off hai ano e medio era a mellor maneira de obter o máximo valor posible do proxecto aquí en Galicia”, destaca a súa encargada de I+D.

Tres centímetros

Cunha precisión de ata tres centímetros, o radar voador de Raytrack naceu para unha tarefa tan delicada como a busca de minas antipersoa. A raíz dun proxecto co exército dos EEUU orientado inicialmente a sensores para camións xurdiu a alternativa de empregar un dron para evitar o contacto e a detonación descontrolada. “Despois apareceron as demais aplicacións. Por que limitalo só a este labor? –lembra Rodríguez–. Queremos potenciar a versatilidade do dron, a rapidez do despregamento e que poida chegar a lugares máis remotos”.

E que outras funcións son factibles? Pois rastrexar ríos por se hai restos arqueolóxicos, medir masa forestal, reforzar a xestión do servizo de augas coa detección de canalizacións rotas… “Non é que unha soa tecnoloxía sirva para todo. Aínda que o potencial é moi grande, adaptar o radar a unha función concreta require un investimento e coñecementos altos –sinala Yolanda Rodríguez–. O traballo coa detección de minas, onde estamos centrados, vai xa moi avanzado e axudaranos a madurar o resto de aplicacións”.

Raytrack é especialista, ademais, en inspeccionar radares fixos que, polo seu tamaño ou ubicación, non poden ser revisados por calquera tipo de dispositivo, e vixía a saúde das antenas. “Cada vez máis servizos críticos dependen delas, de aí a importancia crecente deste servizo de mantemento preventivo”, indica Rodríguez.

Idea do ano

Entre persoal propio e colaboradores, o equipo está integrado por unha decena de persoas. A spin-off conta co respaldo do programa Ignicia de Gain para impulsar a transferencia de investigacións ao mercado. “Un impulso imprescindible na evolución dos prototipos de laboratorio a servizos que podemos ofrecer”, valora Yolanda Rodríguez.

Tras o recoñecemento do CX-Geodron como Idea do Ano no concurso Galileo Masters 2019 ao que concorreron máis de 300 proxectos europeos, Raytrack mantén contactos con varios early-adopters, un perfil de cliente moi cotizado porque busca solucións concretas e involúcrase cos tecnólogos para sacalas adiante.

Imaxes relacionadas

Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.