«O sector biotecnolóxico evoluciona tanto que, ou estás ao día, ou morres».

Desde que empezou a súa andaina hai 35 anos, Proquiga investiu todos os beneficios en seguir innovando. A biotecnolóxica galega é xa unha referente na tendencia “etiqueta limpa” para substituír os aditivos artificiais na industria alimentaria e avanzar na sustentabilidade do sector. Ten máis de 500 ingredientes naturais en carteira que vende en cerca de 60 países.

Nun brick de nata para cociñar hai, ademais da materia prima láctea, emulxentes da serie E-470, estabilizantes (E-407 e E-339, por exemplo) e moitas veces algún tipo de corrector de acidez, como E-331 ou E-339. Baixo eses códigos agrúpanse os conservantes, colorantes, antioxidantes, edulcorantes e o resto das 27 clases distintas de aditivos avaliados pola Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria. Aínda que son seguros, preocupan a unha de cada tres persoas, segundo o último Eurobarómetro que as autoridades comunitarias dedicaron á cesta da compra.

Coa concienciación pola dieta saudable e a vida sa, no mercado alimentario gaña terreo unha nova tendencia denominada “etiqueta limpa” (clean label), que persegue listas de ingredientes claras e libres de compoñentes artificiais. Proquiga ten xa máis de 500 produtos en carteira “que permiten completar a elaboración de alimentos e alongar a súa vida útil sen botar man dos números E”, conta a directora xeral, Beatriz Canteli. Son “solucións 100 % naturais á medida dos clientes” para facilitar “o difícil reto dunha industria alimentaria sustentable a pesar do incremento continuo da poboación e do consumo”.

Fermentación de bacterias

A historia de Proquiga podería ilustrar a gran transformación do sector nas últimas catro décadas. A biotech galega foi nos seus inicios unha distribuidora de ingredientes. A exportación a case 60 países segue sendo clave no seu negocio, centrado na fabricación desde 1993 tras a compra de Caglio Star, unha planta en Murcia de produción de coagulantes elaborados a partir de estómagos de tenreiro leital e tamén de coberturas biodegradables para embutidos e queixos.

Pouco tempo despois abriu a segunda factoría en Bergondo, onde nacen e crecen as familias de microorganismos que axudan a substituír os aditivos artificiais. “Os nosos produtos obtéñense coa fermentación dunha bacteria”, conta Canteli, apoiándose en tecnoloxía de enxeñería xenética e cribado para imitar ese proceso bioquímico nas mesmas condicións nas que se dá na natureza. “Para quitar a lactosa, por exemplo, hai que botarlle ao leite unha encima, a lactasa. Nós desenvolvemos a cepa e facémola crecer para a produción a gran escala”.

Un modelo flexible

A cepa doutra encima que calla o leite para fabricar queixo, a quimosina, é, ata o de agora, o seu principal proxecto de I+D. Só a teñen dúas empresas máis no mundo e neste momento están preparándoa para a aplicación industrial. Nun sector dominado por grandes multinacionais, Proquiga fixo do seu menor tamaño unha virtude para conseguir fitos coma este. “Somos máis flexibles e podemos estar continuamente pendentes dos clientes para ver que necesitan”, argumenta Canteli.

Transferencia de coñecemento

A inquietude por identificar e lanzar novos produtos converte a compañía nunha ponte para a transferencia de coñecemento dos centros de investigación ao mercado. Entre as súas colaboracións destacan a Aula de Produtos Lácteos do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), ademais de institucións estranxeiras como a Universidade da Habana (Cuba) e a de Tennessee (Estados Unidos).

A cifra de negocio de Proquiga non para de crecer cada ano. Neste 2021 chegará a 15 millóns de euros. O 75 % das vendas son na industria láctea e o outro 25 % de empresas cárnicas e vinícolas, ás que a empresa expandiu a súa actividade. Todo o persoal ten unha alta cualificación e o 90 % dos postos directivos están ocupados por mulleres. “É fundamental ter unha visión clara de onde queres chegar –conclúe Canteli– para ir posicionándote paso a paso no mercado”.

Por que innovar?

A innovación é, simplemente, “básica” no sector da biotecnoloxía, segundo Beatriz Cantelo. “Ou estás ao día –explica a directora xeral de Proquiga– ou morres”. Dada “a continua evolución do mercado”, hoxe sacas un produto novidoso de alto valor engadido e prezo moi rendible e en pouco tempo sae outro “e o que tes convértese nunha commodity, un produto máis. Por iso nós innovamos tanto e diversificamos a oferta para ofrecer solucións a medida aos nosos clientes”, remarca.

Proquiga gañou moita experiencia coa súa saída ao exterior. E non só desde o punto de vista comercial. Coñecer a fondo o mercado ruso ou Oriente Próximo, onde son máis habituais o kéfir e os leites acedos, permítelle correr con vantaxe a carreira aberta agora en Europa polo desenvolvemento deste tipo de produtos cada vez máis demandados. “Nós xa somos expertos nesa tecnoloxía”, asegura Cantelo, que na fórmula de éxito da empresa coloca por encima de todo “reinvestir e reinvestir” os beneficios en máis innovación.

Visualiza e descarga a reportaxe en PDF.

Imaxes relacionadas

Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.