A loita contra o cancro é unha obsesión científica. O de mama e o de próstata son dous claros exemplos da alta prevalencia da enfermidade e de necesidades médicas pendentes de cubrir. Grandes retos para os que tres biotecnolóxicas gallegas sumaron esforzos co obxectivo de acadar un fito: descubrir novos fármacos capaces de actuar non só sobre proteínas illadas, senón sobre as redes de proteínas que interaccionan nun cancro.

A principios dos anos 90, Alexandra Penney, editora da revista norteamericana Self, e Evelyn H. Lauder, nora da fundadora do imperio cosmético Estée Lauder, deciden unir as súas forzas para apoiar a causa do cancro de mama. Penney acababa de perder á súa xefa a causa da enfermidade. Lauder sufríaa e foi a primeira muller famosa en falar abertamente dela.

Nas súas memorias, Lauder lembra o tándem que formaba con Penney na batalla contra a Sida, en plena efervescencia naquel momento e cun enorme impacto mediático grazas ao simbólico lazo vermello que The New York Times definía como “o lazo dos lazos”. O delas tinguiuse de rosa para animar á autoexploración e como reivindicación da feminidade nunha doenza que durante moitos anos se tratou con hormonas masculinas para tentar frear a súa evolución.

Esa é unha das razóns polas que habitualmente se fala de certas semellanzas co cancro de próstata, que ten un tratamento hormonal moi parecido ao que se lle daba primitivamente ao de mama aínda que á inversa, con hormonas femininas. As dúas son hoxe doenzas -outro elemento común- cunha prevalencia moi alta.

O de próstata é o segundo cancro máis frecuente nos homes e o máis mortal tras o de pulmón, con 32.000 diagnósticos anuais en España, segundo os últimos datos da Asociación Española contra o Cancro. Uns 22.000 novos ao ano no caso do de mama, para o que se estima que unha de cada oito mulleres ten o risco de padecelo ao longo da súa vida.

Aí nace a historia de Oncogalfarma. Segundo destacan os seus promotores, a primeira plataforma galega de investigación de fármacos en oncoloxía.

Necesidades non cubertas

“Ambas as dúas patoloxías teñen tratamento, aínda que presentan efectos secundarios. Entre eles, o incremento do risco de cancro de útero ou os trastornos circulatorios e neurolóxicos, no cancro de mama, ou a aparición á resistencia ao tratamento no cancro de próstata. Son sinais de que hai unha clara necesidade médica non cuberta”, explica Carme Pampín, cofundadora e CEO de Galchimia, empresa líder do proxecto e unha das tres biotecnolóxicas galegas que impulsaron o consorcio Oncogolfarma, xunto con Oncostellae e AMSlab.

As tres empresas coñecíanse, mesmo con colaboracións que se remontaban máis dunha década atrás. “Esta relación previa e o coñecemento mutuo das capacidades de cada parte”, destaca Pampín, animounas a aproveitar sinerxías e a lanzarse cun proxecto conxunto para afrontar o complexo proceso do descubrimento de fármacos, no que interveñen “disciplinas diferentes”.

Tres empresas, todo sinerxías

Galchimia, líder española en química orgánica sintética, e Oncostellae, especializada en deseño virtual de fármacos, farmacoloxía in vitro e caracterización fisioquímica dos compostos, traían o coñecemento investigador. O laboratorio AMSlab encargouse do soporte para os ensaios químicos e físicos. A alianza concorreu ao programa Conecta Peme da Axencia Galega de Innovación (Gain) para fomentar a cooperación público-privada a través de proxectos de I+D en áreas estratéxicas para Galicia, que financiou o 57% do custo total da primeira fase do proxecto, 700.000 euros.

Para completar o núcleo de innovación, Oncogalfarma buscou, segundo Pampín, “o coñecemento e o expertise” que lles faltaban nos grupos de investigación referentes da Universidade de Santiago no desenvolvemento de ensaios farmacolóxicos, cos grupos de Química de Carbohidratos, Biofarma e ComBioMed.

As redes das proteínas

Pensa en calquera das redes sociais nas que participas. Non tería sentido sen a interacción entre as persoas coas que interactúas. Pois o correcto funcionamento das células que forman o noso organismo depende nesa mesma medida da interconexión entre as proteínas. Practicamente ningunha circula illada e precisa relacionarse con outras para cumprir a súa función. Canto maior coñecemento exista sobre a rede que as une, máis opcións hai de identificar novas interaccións, “que son potenciais puntos de actuación para lograr un efecto terapéutico”.

O estudo desa rede e das relacións entre proteínas representa actualmente un dos campos máis prometedores para o descubrimento de novos fármacos contra o cancro, aínda que tamén “de alto risco e moi complexo”.

¿Por que? “Ata hai uns anos –conta Pampín–, a industria farmacéutica estaba centrada no deseño de compostos que puidesen modular a actividade dunha proteína, pero existía a convicción de que non era posible estender esta aproximación para modular interaccións entre unha proteína e outra proteína”.

As posibles unións están escondidas, non están claras aínda. De feito, os avances neste campo de investigación ata agora foron “puntuais” polas dificultades para atopar compostos activos nos que os científicos poidan traballar e obter unha molécula coas características adecuadas para o seu emprego como medicamento.

Novos tratamentos

“O desenvolvemento de inhibidores de interaccións proteína-proteína en oncoloxía está en concordancia coas actuais tendencias do mercado farmacéutico, que busca ir máis aló do clásico tratamento de quimioterapia e/ou radioterapia”, engade a CEO de Galchimia.

É a forza de Oncogalfarma. Os inhibidores do seu proxecto actúan sobre a apoptose –o mecanismo natural de destrución das células– cando funciona incorrectamente e permiten restablecer o proceso á súa forma ordinaria, que conduce á morte das células tumorais.

O proxecto conseguiu sintetizar máis dun cento de moléculas, seleccionar as catro máis activas e mesmo solicitar unha patente. Pero queda moito traballo por diante.

Unha segunda fase

Oncogalfarma sentou as bases para consolidar a colaboración do equipo cara ao descubrimento e desenvolvemento de novos fármacos anticanceríxenos en Galicia. O seguinte paso xa está en marcha co proxecto Neogalfarma, ao que se uniu tamén Nanogap, fabricante de nanomateriais, que reforza a plataforma “tanto desde un punto de vista científico como comercial”, segundo destaca o consorcio.

“Este é un proxecto a longo prazo que temos que abordar en diferentes fases para poder adaptalo ás capacidades financeiras das empresas”, conta Carme Pampín. Todas elas son pemes para as que o proxecto é “un esforzo importante”.

O orzamento de Neogalfarma supera o millón de euros e volveu lograr a cofinanciación do Programa Conecta Peme de Gain.

O obxectivo agora pasa por iniciar a fase preclínica regulatoria con, alomenos, dous dos compostos candidatos; e nunha fase posterior os ensaios clínicos con, tamén polo menos, un candidato. “O broche final –apunta Pampín– xa sería conseguir un acordo de licenza con algunha empresa farmacéutica que puidese continuar co desenvolvemento do produto e levalo finalmente ao mercado”.

Imaxes relacionadas

Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.