«Hai que perder o medo ao cambio para seguir o ritmo do mercado».

Detrás das zonas de restauración de moitas das tendas de Ikea en Europa, de cadeas hoteleiras en España e en América, de chefs premiados por Michelín ou mesmo na sede do Commercial Bank de Etiopía, está Migán. A empresa empezou hai 60 anos fabricando frigoríficos de madeira a medida. Hoxe desenvolve desde Lugo proxectos integrais de cociñas industriais á última en novos materiais, ergonomía, eficiencia enerxética ou contaminación acústica.

No Centro Integrado Burlada, un instituto de FP próximo a Pamplona, impártense cursos de cociña, pastelería e panadería, entre outros. Necesitaban aulas polivalentes para un bo número de alumnos e unha loxística ben planificada para o almacenamento dos produtos e a xestión do stock. A empresa luguesa Migán asumiu o desafío e construíu 75 zonas de traballo diferentes con seis cociñas centrais, área de pastelería independente con cuarto de frío incorporado, puntos de lavado e preparación e cámaras con central frigorífica.

Case unha pequena cidade gastronómica sen saír do instituto. “Ademais das diferenzas evidentes nas necesidades dos clientes, cada un ten a súa forma de traballar. Gústanlles as cousas á súa maneira e a clave é adaptarse para conseguir o mellor proxecto posible”, relata Roberto Méndez, xerente de Migán.

A dobre liña de negocio

O grupo leva 60 anos innovando para ofrecer solucións únicas ao sector hoteleiro, a prestixosos chefs, a servizos sanitarios e a outras grandes compañías como Ikea ou o Commercial Bank de Etiopía. A súa historia comezou nuns baixos do centro de Lugo. Alí, o fundador, Miguel Ángel Pérez, e sete traballadores fabricaban frigoríficos de madeira e formica a medida.

En 1987 deu o primeiro gran salto cara á diversificación. Para aproveitar toda a capacidade da factoría e atender a crecente demanda, Migán lanzou a liña de negocio Lufri, centrada na fabricación de produtos estándar. “Nótase moitísimo o espírito familiar e por iso o noso CEO sabe perfectamente o camiño que quere definir para o futuro da empresa –desvela Méndez–, mantendo na medida do posible a forma de traballar e o trato ao cliente”.

En todo o proceso

Eses son os dous motores da innovación en Migán: gañarlle tempo ao tempo e preservar a calidade “para que os compradores queden totalmente satisfeitos”. O equipo de comerciais senta cos clientes desde o minuto un para coñecer o que buscan e como queren organizar o espazo. Xa nese momento o departamento de I+D intervén para facer un estudo inicial de ergonomía pensando nos profesionais que van traballar nas instalacións e evitar o problema da contaminación acústica.

O deseño do mobiliario en 3D realízase tamén conxuntamente. Hai unha primeira montaxe nas instalacións de Migán para probar os produtos. “E logo nós mesmos asumimos o envío e a montaxe final para que todo quede funcionando sen problemas”, sinala o xerente.

Calidade e medio ambiente da man

Migán segue unha escrupulosa política de calidade e medio ambiente. Parte dos seus obxectivos de innovación poñen o foco na procura de novos materiais. O grupo quere seguir apostando polo valor engadido nos proxectos e facer un uso responsable dos recursos. Ao cadro de persoal acábase de sumar un especialista en sistemas frigoríficos e eléctricos encargado de potenciar a eficiencia enerxética. “Comprobamos que unha mellor instalación reduce moito o consumo e mellora as temperaturas”, afirma Roberto Méndez. “Iso é clave –continúa– para que os produtos duren máis e ao cliente lle saia máis rendible”.

De portas para dentro, na fábrica de Migán impóñense tamén as medidas de eficiencia enerxética. Non só para minimizar o consumo, senón tamén para mellorar as condicións de traballo dos empregados. A eles tamén se dirixe a innovación na empresa, que acaba de estrear un sistema de organización máis flexible. “Facilitámoslles aos equipos un maior grao de independencia para que se autoorganicen. O que vemos é que os traballadores están máis motivados e menos presionados. E os proxectos desenvólvense máis rápido e con menos incidencias”.

Por que innovar?

A especialización no sector do frío e as cociñas industriais abriu a Migán a porta do comercio exterior. A empresa expandiu o seu negocio por uns quince países de Europa, África e América. Estar presente en todas estas zonas converteu a internacionalización nunha panca para a innovación porque cada territorio ten a súa normativa para case todo o imaxinable, empezando polas medidas de seguridade alimentaria. “E nunca dicimos que non”, sostén Méndez.

Cun desafío así acaban de toparse nun proxecto en Porto Rico, “onde as leis son completamente distintas en comparación ás de España e dos países europeos no máis mínimo detalle, como pode ser un parafuso ou os acabados”. “Informámonos, aprendemos e a seguir adiante”, conta o xerente de Migán. A receita para alcanzar os obxectivos de tempo e calidade é “tecnoloxía avanzada e máis e mellores coñecementos do cadro de persoal. Hai que perder o medo ao cambio. Non se se soará moi típico, pero é así: sen innovación resulta imposible ser competitivo e seguir o ritmo do mercado”, asevera Roberto Méndez.

Visualiza e descarga a reportaxe en PDF.

Imaxes relacionadas

Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.