«Para aguantar nun mercado tan competitivo coma o alimentario tes que diferenciarte».

Gallega de Patatas foxe dos produtos reclamo e dos baixos prezos que tanto dano lle fan ao sector alimentario. A distribuidora ourensá compite en calidade para darlle un valor engadido á produción dos seus agricultores e agricultoras de confianza. A innovación coida de cada paso que dan os tubérculos, desde as boas prácticas no cultivo ata o estante do supermercado cunha imaxe renovada e claramente identificable.

A variedade Kennebec, a pataca con máis tradición en Galicia, é moi apreciada pola súa versatilidade. Ten unha forma entre redonda e ovalada e unha cute envexable: pel lisa e fina, cor amarela clara e ollos moi superficiais. A carne branca e a textura firme e cremosa fana moi consistente na boca tras o cociñado. Tanto, que é a favorita de moitos e prestixiosos chefs como Dani García. O tres estrelas Michelin de Málaga fai tortilla unha vez por semana e non quere outra variedade que non sexa esta.

Gallega de Patatas ten a súa propia receita para preservar a calidade do tubérculo. A distribuidora de Xinzo combina os métodos máis tradicionais coas tecnoloxías de vangarda para poñer en valor a produción da Limia. “Cando se constituíu a empresa en 1992 non existía nin a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galicia, nin o Consello Regulador –conta a directora xeral, Gloria Fernández–. As vendas concentrábanse nos mercados centrais de Madrid, Cataluña e Valencia”.

Máis produtos e máis formatos para novos clientes

Algo tan aparentemente sinxelo como sacar unha bolsa de 4 quilos foi un paso de xigante na innovación comercial. O envase, máis adaptado á demanda doméstica, abriulle as portas da canle da distribución polo miúdo. Logo incorporou ao seu catálogo as cebolas e na actualidade distribúe tamén pataca agre, que o ano pasado entrou nas certificacións da IXP.

En paralelo á diversificación de produtos, Gallega de Patatas foi multiplicando os formatos para chegar a máis tipos de clientes. As bolsas van do medio quilo aos cinco e, no caso das Kennebec, están dispoñibles en sacos de tres e 10 quilos. “Sempre baixo un estándar de alta calidade. Se unha partida non está ao nivel, destinámola a algún outro formato de baixo prezo ou desbotamos ese lote”, detalla Fernández.

Unha aposta pola agricultura sostible

A empresa ten acordos desde hai anos con agricultores de Ourense, Lugo e A Coruña, nunha relación que vai moito máis alá da compravenda da materia prima. Os contratos recollen prezos por enriba da media do sector “para garantir unha subministración estable e de calidade”, segundo Fernández.

Antes de sementar, traballan conxuntamente na preparación da terra. “Segundo as deficiencias ou os excesos que detectan os nosos supervisores de calidade, dámoslles parámetros para o abono”, conta a directora xeral de Gallega de Patatas, que acaba de certificar os seus produtores co selo GLOBALG.A.P, acreditación do uso de boas prácticas de agricultura. “Ter esta certificación permítenos ofrecerlle ao cliente un valor engadido de sustentabilidade”.

A profesionalización para seguir mellorando a calidade

Gallega de Patatas remodelou recentemente as súas instalacións para ampliar a zona de frío, dotada agora con sistemas de alta eficiencia enerxética que reducen o consumo e o impacto ambiental e optimizan os procesos.

No almacén non entra nin un quilo que non sexa recollido a man. É outro factor diferencial da empresa para coidar as propiedades da Kennebec, unha variedade “moi delicada que necesita todos os coidados para asegurar a boa conservación. Por iso tamén usamos as mellores tecnoloxías posibles na selección e o envasado para evitar o mínimo golpe”, explica Fernández.

Para adiantar a campaña e ofrecer cachelos antes que ninguén, a empresa fixo este ano unhas probas de sementa temperá con agricultores da zona que deixaron moi bo sabor de boca. Tamén apunta maneiras o campo de ensaio realizado en Coristanco, onde se aplicaron novas técnicas de traballo que melloran a produtividade.

Por que innovar?

Desde os seus inicios, Gallega de Patatas quixo darlle un nome propio a un produto que moitas veces pasa desapercibido entre a chea de alimentos perecedoiros que se poden atopar nun establecemento de alimentación. As súas teñen personalidade. Chegan ao comprador sen lavar “porque calquera golpe mingua a calidade. Fixemos probas de lavado porque sempre facemos probas para todo, pero non tiña sentido. Son auténticas”, argumenta a directora xeral da empresa, que aproveitou a renovación de todo o packaging das patacas e as cebolas para afianzar tamén a identidade corporativa e presentar “un produto identificable” entre todos os lineais.

“Ou fas algo diferente ou es un máis”, xustifica Gloria Fernández, “e tes menos opcións de resistir”. Sobre todo, na alimentación, “un sector con moita competencia onde os prezos flutúan constantemente. Nós mantemos o prezo porque, evidentemente, os contratos cos agricultores están pechados e os custos da calidade son os que son. Se queres poñer en valor o teu, tes que facer algo diferente aos demais. Tes que innovar e ser coherente entre o que dis e o que fas”.

Visualiza e descarga a reportaxe en PDF.

Imaxes relacionadas

Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.