A industria agrolimentaria é un dos sectores máis innovadores da economía galega. Empresas que ven unha oportunidade de negocio nos novos hábitos de consumo. Como Galifresh, que naceu dunha rede de froiterías e hoxe vende os seus preparados frescos en España, Suecia, Francia ou Portugal. Agora traballa no que, sen dúbida, pode ser un produto revelación: os primeiros pementos de Padrón precociñados.

O primeiro precociñado da historia vendeu en só un ano máis de 10 millóns de racións. Foi en 1954. O seu creador, Gerry Thomas, non tivo que esforzarse moito en buscar un nome con tirón para o produto. A fascinación dos estadounidenses polos electrodomésticos naqueles anos fíxoo por el.

Cando se usaban? Ao final do día, coa familia diante da pantalla do televisor. O ritual acabou comendo a marca e os pratos pasaron a coñecerse como os TV dinner, a expresión en inglés formada polas palabras televisión e cea, vixente alá aínda hoxe para referirse aos precociñados.

A empresa de Thomas tardou moi pouco en espertar o interese da competencia e fusionouse con Campbell Soup Company, artífice das famosas sopas Campbell. As súas latas son parte da historia da arte grazas ás ilustracións do emblema do movemento pop, Andy Warhol, como símbolos do consumo e da industrialización.

Nin sequera a arte é allea á relevancia da alimentación na sociedade e á constante evolución do sector para adaptarse á demanda. “O consumidor actual busca alimentarse con produtos naturais e saudables, sen conservantes, colorantes nin azucres engadidos e baixos en sal. Se a isto lle unimos as recomendacións da Organización Mundial da Saúde sobre o consumo de froitas e verduras, a falta de tempo e o crecemento dos fogares unipersoais, explica por que os nosos produtos son tan ben aceptados”, afirma Eusebio Méndez de León, xerente de Galifresh, marca pioneira en Galicia en combinar a comida sa e os alimentos preparados.

Unha traxectoria meteórica

O grupo con sede en Vigo naceu dunha rede de froiterías, Frutas Nieves, e da necesidade dun dos seus clientes nas denominadas cuarta gama (alimentos frescos, limpos e envasados para o seu consumo inmediato) e quinta gama (cociñados e refrixerados). Así saíron ao mercado os seus purés de mazá.

O éxito que tiveron propiciou a ampliación continua da oferta. Suma xa 300 referencias de froita cortada en anacos e purés en formatos individuais, en lotes ou para vending (máquinas expendedoras), ademais de cremas e sopas de verduras, hortalizas e legumes. Ao catálogo engadiranse en breve novos sabores de cremas, hummus e untables vexetais.

Situarse nas canles de distribución “foi custoso”, segundo Méndez de León, que considera fundamental a aposta de Galifresh por materias primas de “primeirísima calidade”. Iso abriulles as portas a novas vías de comercialización. Presente xa en todas as grandes cadeas españolas e varias rexionais, a empresa soubo aproveitar a idoneidade dos seus formatos para a merenda dos nenos ou o menú de xente maior e ampliou as súas vendas a servizos de catering e hospitais galegos.

Nos últimos dous anos, a facturación duplicouse e alcanza os 1,5 millóns de euros. Galifresh exporta a Suecia, Francia e Portugal, prepárase para desembarcar en Centroeuropa e Latinoamérica e acaba de dar os seus primeiros pasos en Asia. O mercado exterior representará a finais deste ano a metade da cifra de negocio. “Pensamos que a exportación é imprescindible para o futuro da compañía –explica o xerente–. O noso mercado natural, España, é pequeno, e compartímolo con outras importantes marcas”.

I+D no prato

Galifresh reflicte á perfección como a innovación non é exclusiva do sector tecnolóxico ou da industria pesada. “Na alimentación é importantísima, non só para suplir carencias nutricionais de diferentes grupos de poboación. É un elemento máis para gozar da comida dunha forma fácil e saudable”, opina Antón Ocampo, biólogo da empresa. “Innovar no segmento dos vexetais e fomentar o seu consumo –continúa– é unha necesidade”.

Xunto a Ocampo, director da división de I+D, traballa un comité de apoio integrado por persoal multidisciplinar do resto de departamentos. Xerencia, calidade, marketing, vendas… Todos axudan ao desenvolvemento das ideas, di, para ser “unha peme flexible e áxil”, capaz de atender as necesidades dos clientes.

A cocción fácil

Dese labor común chega o proxecto dos prefritos, ao amparo de Agrobiotech, o programa de aceleración da Axencia Galega de Innovación (Gain), en colaboración co Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), para o crecemento sustentable de pemes innovadoras galegas nos sectores da biotecnoloxía, a agroalimentación e o forestal. Galifresh prepara os primeiros pementos de Padrón precociñados do mercado.

“O reto é conservar o sabor e que estea no seu punto no momento do consumo”, detalla Ocampo. O produto, para microondas, alivia ademais “esa cocción, chamémoslle incómoda, polas salpicaduras de aceite”, lembra o biólogo, “polo que o seu consumo será fácil e sen perder calidades organolépticas”. Todas esas propiedades (aroma, brillo ou textura) que fan do pemento o rei da gastronomía galega en verán.

Á espera da posta a punto dunha nova instalación da compañía para implantar a produción cos requisitos de seguridade necesarios, a previsión é que os primeiros pementos precociñados saian á rúa coincidindo coa campaña do pemento de Padrón do próximo ano.

Centro especial de emprego

O salto dun novo produto á elaboración a gran escala é, para Eusebio Méndez de León, “o máis difícil” nunha empresa como Galifresh, con toda a actividade e a maioría dos ingredientes en Galicia. “Non debemos esquecer que somos un centro especial de emprego e implica moitas cuestións organizativas e de seguridade”, asegura.

Os comezos do grupo estiveron ligados a Cogami. O 80% do persoal ten diversidade funcional. “Moitas persoas só necesitan oportunidades para amosar as súas capacidades. Tentamos crecer para darllas. É a nosa filosofía e estamos moi satisfeitos co persoal”, apunta o xerente.

Imaxes relacionadas

Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.

Vídeo relacionado