«O equipo de FRONTIER desenvolveu un recubrimento protector de níquel sobre sensores distribuídos e semi-distribuídos de fibra óptica que lles permite operar en contornas con temperaturas superiores a 700ºC».

Os extremófilos son organismos capaces de sobrevivir en contornas hostís como, por exemplo, a calor extrema, a radioactividade ou a acidez. Lograr sensores de fibra óptica (FOS) que resistisen ambientes extremos, como o fan estes seres, principalmente a moi altas temperaturas (>400°C) e en ambientes corrosivos foi o reto ao que se enfrontaron os investigadores de FRONTIER, un proxecto nado no seo do Centro Tecnolóxico Aimen e que conta co apoio do Programa Ignicia. Como resposta a este desafío, lograron unha nova tecnoloxía que redundaría nunha maior eficiencia e menor impacto ambiental de distintos procesos industriais.

Así, o equipo de FRONTIER desenvolveu un recubrimento protector de níquel sobre sensores distribuídos e semi-distribuídos de fibra óptica, que lles permite operar en contornas con temperaturas superiores a 700ºC e medir de forma simultánea temperatura e deformación. Ademais, os sensores recubertos con esta tecnoloxía tamén resisten procesos a altas temperaturas, como a soldadura, para integralos na propia estrutura a monitorizar, ou en compoñentes facéndoos intelixentes. Todas estas vantaxes abren a porta a novas aplicacións en contornas esixentes, permitindo medir múltiples puntos e varios parámetros de forma directa ou indirecta: deformación, temperatura, vibración, fugas, presión, concentración de gas, carga, corrosión, etc.

Trátase, en definitiva, dunha ferramenta máis eficaz que permitirá optimizar a xestión das infraestruturas industriais, minimizando as paradas non desexadas, o que redundará nun mellor rendemento e permitirá optimizar o consumo de recursos e reducir as emisións. Deste xeito, non só favorece a competitividade e a creación de emprego, senón que ademais reduce o impacto ambiental na súa contorna.

Tania Grandal, investigadora principal de FRONTIER en Aimen, pon de relevo a achega do Programa Ignicia Programa Ignicia, que desenvolve a Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación en colaboración coa Fundación Barrié: “Proporcionounos os recursos necesarios para impulsar significativamente a comercialización desta tecnoloxía. A través desta colaboración, establecemos unha extensa rede de contactos cos principais actores da cadea de valor, incluíndo fabricantes, distribuidores e usuarios finais. Tamén nos permitiu explorar novas aplicacións para a tecnoloxía en áreas que non foran previamente consideradas, mediante a colaboración con expertos no sector”.

O propósito último do proxecto é pechar a brecha comunmente existente entre a investigación e o mercado”, explica Grandal, “co fin de que industria e sociedade poida beneficiarse do impacto económico e ambiental que implica a dispoñibilidade dunha tecnoloxía innovadora. Desde o punto de vista tecnolóxico, o proxecto FRONTIER ten unha ampla marxe de desenvolvemento en contornas extremas con requisitos diferentes, como poden ser as tecnoloxías asociadas ao uso de hidróxeno como fonte de enerxía en apoio á neutralidade climática”.

O proxecto FRONTIER está formado por un equipo multidisciplinar, composto por seis profesionais que combinan tanto perfís técnicos como expertos en innovación e desenvolvemento de negocio.

Imaxes relacionadas

Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.