Con cada vez máis usos civís posibles e unha demanda que non deixa de crecer, o ITG e a empresa SDLE aliáronse na primeira unidade mixta de investigación de Galicia especializada en avións non tripulados para dotar estes aparellos de maior autonomía de voo e dunha innovadora rede de subministración de enerxía para recargar as baterías.

Os seus movementos teñen aparentemente tan pouco sentido, con traxectorias en zigzag cando move grandes cantidades de comida aos seus refuxios, que a Paratrechina longicornis é coñecida como a formiga tola. Pero de tola ten pouco. Xuntas son un grupo intelixente. Túrnanse para levar o cargamento e recoñecer o terreo, e mesmo para reorientar ás compañeiras despistadas. Nelas inspirouse o prestixioso enxeñeiro Vijay Kumar para desenvolver un dron de 20 centímetros de diámetro capaz de voar coma un escuadrón en perfecta coordinación.

A presentación deste aparello polo director do departamento de Enxeñería Mecánica e Mecánica Aplicada da Universidade de Pensilvania nunha charla TED en 2012 non tardou en ser tendencia mundial nas redes sociais grazas ás proxeccións en vídeo dos minidróns saltando a través de aros coma se fosen animais de circo ou con nove deles en modo orquestra tocando a clásica sintonía das películas de James Bond.

Hai moito xa inventado no sector dos avións non tripulados, UAVs polas súas siglas en inglés. De todos os tamaños e para unha infinidade de aplicacións. Con todo, as leis que regulan o uso dos drons só poden ir abrindo a man aos poucos para garantir a seguridade nas operacións e a xestión do tráfico compartido nos espazos aéreos cos avións convencionais.

“É o gran reto para a integración dos drons”, apunta Analía López Fidalgo, directora da área de sensórica e comunicacións do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), que leva anos buscando solucións innovadoras para mellorar a seguridade dos UAVs. Ante o imparable crecemento da demanda no mercado, o centro tecnolóxico aliouse coa multinacional Star Defence Logistics & Engineering (SDLE) para crear a primeira unidade mixta de investigación (UMI) de Galicia especializada en avións non tripulados e desenvolver unha máquina máis segura e autónoma: o superdrón.

Pendentes da normativa

A primeira lei sobre uso dos drons en España é de 2014 e a finais do pasado decembro entrou en vigor un real decreto que ampliou os escenarios operativos para este tipo de aeronaves. A nova normativa faculta os vehículos non tripulados para transportar sangue en caso de atascos ou rúas inundadas e para inspeccionar monumentos desde o aire, ao tempo que autoriza o voo en cidades e pola noite co permiso da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA).

Co organismo encargado de supervisar a seguridade áerea e outras entidades internacionais vinculadas ao sector colaboran tamén o ITG e SDLE para avanzar no deseño dun novo marco regulatorio que inclúa voos autónomos e a súa integración no espazo aéreo. É outra función da UMI e non menos importante. Achegan a súa experiencia e están ao tanto da innovación tecnolóxica e legal.

“Temos esa información de antemán e así somos capaces de configurar mellor a nosa folla de ruta”, di Analía López. Unha oportunidade de ouro para adiantarse ás futuras necesidades do negocio dos drons e poder concentrar o seu labor de I+D en produtos de valor engadido para as empresas potencialmente compradoras.

Autonomía e rede de niños

Froito dese coñecemento directo da realidade do sector e do know-how acumulado polo centro tecnolóxico como investigador e pola empresa como fabricante e subministradora de material de defensa, a UMI, bautizada como FLASTFly (acrónimo de “sistema de autonomía completa para UAVs” na súa terminoloxía en inglés), busca unha maior capacidade de voo nas aeronaves con fins civís e empresariais.

O dron está conducido desde terra por un piloto, hai outra persoa encargada do movemento da cámara ou o sensor integrados no aparello e mesmo ás veces unha terceira vixía o plan de voo. “Buscamos dotar o dron de intelixencia a bordo para que sexa máis autónomo e tome máis e mellores decisións sen a interacción co ser humano en todos os procesos”, detalla López Fidalgo. Ademais de abaratar custos, a operatividade dos drons será máis sinxela.

Esas cámaras, os sensores e outros pesos habituais cansan o aparello. Gasta moita enerxía por culpa deles. A duración das baterías condiciona o tempo de voo e obriga aos operarios de mantemento a desprazarse para cambialas. A UMI vai deseñar unha rede de subministración para recargas con forma de caixas ás que chaman niños e que poderán repartirse en espazos amplos nos que unha empresa realiza tarefas con drons. “Pensemos nas inspeccións dun gasoduto, de tendidos eléctricos ou aeroxeradores, en extensións de quilómetros –pon de exemplo Analía López–. Necesitas autonomía para que o custo da aplicación sexa rendible”. Os UAVs poderán tamén descargar datos e envialos por internet desde os niños para non ter que volver á base por falta de memoria.

Innovación e industrialización

“O máis complicado dun novo produto tecnolóxico é adecualo á necesidade final do usuario, entendendo por necesidade o beneficio que vai supoñer para el”, explica a responsable da UMI. O centro tecnolóxico achega a innovación en electrónica, sensórica, software e coñecemento regulatorio; e a compañía a súa capacidade de industrialización grazas á longa experiencia en deseño, fabricación e comercialización. “É unha alianza de gran valor engadido e un punto de apoio esencial para a nosa estratexia no sector dos UAVs”, asegura Eduardo Faro, director da división de UAVs civís de SDLE.

A UMI foi seleccionada na cuarta convocatoria do Programa de Unidades Mixtas, promovida pola Xunta a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) para impulsar colaboracións estratéxicas entre empresas e centros de coñecemento en áreas de innovación aliñadas coas prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3). Cun investimento de 2 millóns de euros e un plan de traballo de doce investigadores e cinco novos empregos que chega ata 2020, o obxectivo de FASTFly súmase á aposta da Consellería de Economía, Emprego e Industria coa Civil UAVs Initiative para converter a Galicia nun polo de referencia na industria dos drons.

Da UMI sairá “tecnoloxía con músculo”, segundo Analía López, para un sector no que a consultora PwC estima un potencial de negocio a futuro de 111.846 millóns de euros. “Conseguiremos co traballo conxunto –resume– unha aceleración na posta no mercado dos resultados”.

Imaxes relacionadas

Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.