Non hai que ir moi lonxe para atopar a que podería ser a materia prima do futuro. Vén das plantas. Cinco veces máis lixeiras e resistentes que o aceiro, as nanopartículas de celulosa ofrecen un gran potencial para moitas industrias. Enso Innovation traballa nunha innovadora técnica que permite reducir a elevada cantidade de enerxía necesaria para obtelas.

John Watson non puido dar nin a metade das voltas do Gran Premio de Italia de Fórmula 1 disputado en Monza o 13 de setembro de 1981. Todos temían o peor despois de chocar contra as barreiras do circuíto e a explosión posterior do monopraza, cando o piloto británico saíu polo seu propio pé, ileso, convertido nun modelo involuntario para promocionar a enorme resistencia da fibra de carbono. A súa escudería, McLaren, estreaba o primeiro coche de carreiras fabricado principalmente con este material do que a competencia se burlaba chamándoo despectivamente “plástico negro”.

A fibra de carbono de alta calidade foi inventada en 1963 por un grupo de enxeñeiros da Royal Aircraft Establishment, un organismo de investigación dependente do Ministerio de Defensa do Reino Unido que a patentou e permitiu o seu uso a varias compañías para confeccionar pezas de avións. Na actualidade está omnipresente nunha infinidade de produtos (coches, bicicletas, raquetas de tenis, reloxos…), aínda que ten a desvantaxe de que parte dos seus compoñentes son derivados do petróleo.

Os investigadores levan moito tempo na carreira cara unha materia prima de similares características, pero sen dependencia dos combustibles fósiles. E nas plantas parece estar a resposta. As nanofibras de celulosa son firmes candidatas a liderar a nova xeración de supermateriais sustentables. “Polas súas excelentes propiedades brindan un campo enorme de posibilidades para produtos de alto valor engadido”, asegura Pep Santacana, director de Enso Innovation, a empresa galega con sede na Coruña que se propuxo reducir o gasto enerxético derivado da fabricación das nanocelulosas para acelerar a súa industrialización.

I+D pensando no medioambiente

Enso é unha compañía de base tecnolóxica creada en 2013 por un grupo de profesionais procedentes do sector industrial e da I+D. Nun principio centrouse en aproveitar esa experiencia para asesorar a outras empresas nos seus proxectos, pero en 2016 decidiu levar adiante as súas propias liñas de investigación orientadas a minimizar a pegada ambiental de todo tipo de industrias na contorna. Unha alianza entre a innovación e a sustentabilidade. É o groso da súa actividade agora e, segundo o director, “a nosa filosofía de empresa”.

Ademais do labor de consultoría integral, Enso desenvolve e comercializa novos produtos e tecnoloxías mecánicas e químicas de baixo impacto ambiental, elaborados a partir da valorización de residuos, coma as mesturas de asfalto e os formigóns. Tamén está presente no campo da descontaminación a través de materiais avanzados aos que aplican a nanotecnoloxía e a biotecnoloxía para mellorar a depuración de augas, aire e solos.

“Sen investigación, desenvolvemento e innovación, o futuro dunha empresa pasa polo estancamento, non avanzará. Pero en Enso fomentamos sempre a sustentabilidade, que, xunto coa redución do impacto ambiental e a economía circular, son puntos de referencia para calquera empresa que tente posicionarse nunha sociedade cada vez máis preocupada por estas cuestións”, resalta Pep Santacana.

Optimización do proceso

Cun tamaño que é a milmillonésima parte dun metro, as nanofibras de celulosa son cinco veces máis lixeiras e, á vez, cinco veces máis resistentes que o aceiro. Extráense de calquera planta, pero facelo é moi, moi complexo.

A pasta de celulosa pasa por varios pretratamentos de refino, hidrólise e oxidación para descompoñela, por tratamentos mecánicos despois e por unha última fase de secado ata conseguir o tamaño desexado das partículas. Hai moita enerxía consumida polo medio. Enso fixo da optimización do proceso, a través de técnicas máis respectuosas co medio ambiente e máis eficientes polo seu menor consumo enerxético, un dos eixos estratéxicos do seu negocio.

“Ás grandes oportunidades de aplicación polas súas excelentes propiedades únense o auxe da nanotecnoloxía e a necesidade crecente nos mercados de desenvolver materiais máis sustentables e de mellores prestacións –explica Santacana–, o que constitúe unha ocasión inmellorable para este sector”.

As aplicacións son múltiples. Desde os envases ao sector dos materiais compostos (composites), pasando polos recubrimentos, a electrónica, a sensórica ou mesmo os tratamentos de auga.

Apoio para saír ao mercado

A aposta de Enso por facer máis eficiente a produción de nanocelulosas recibiu o apoio do InnovaPeme, o programa impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), para reforzar a competitividade das pemes mediante o financiamento da metade do custo de plans de innovación aliñados coas prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, a RIS3.

Co plan de innovación en marcha, a empresa puido avaliar o modelo de negocio e avanzar na organización interna, a procura de novos clientes e de colaboradores técnicos e identificar novas oportunidades de I+D. “Como peme de creación recente atopámonos cos problemas habituais da incursión no mercado, o financiamento ou as dificultades da I+D”, detalla Pep Santacana, que considera fundamental a colaboración con outras empresas e centros tecnolóxicos. De feito, Enso traballou na investigación das nanopartículas de celulosa co Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (Cetim) da Coruña para examinar os resultados e sondar o mercado.

Alta cualificación

O persoal de Enso está formado por profesionais de alta cualificación, dedicados case todos á investigación para abordar os grandes retos dun sector tan transcendental e en evolución continua coma o das solucións ambientais. “Queremos posicionarnos á vangarda –remarca o director–, abrir novas oportunidades de negocio e mellorar en todas as etapas”. Grazas tamén ao programa Principia de Gain, a empresa puido contratar un tecnólogo para reforzar a área de I+D e “que el poida dotarse de coñecementos e progresar na súa carreira profesional coa actividade que levamos a cabo”, destaca Santacana.

Enso foi selecionada na II Edición do Plan Social de Ence Pontevedra para levar a cabo un proxecto de recuperación de áreas forestais queimadas e participa, no marco do programa Horizonte 2020 financiado pola UE, no consorcio LIBERATE. Está integrado por 16 grandes empresas, pemes e centros tecnolóxicos europeos co obxectivo de deseñar unha fábrica piloto que demostre o potencial comercial da lignina, un dos compoñentes principais da madeira, para elaborar produtos químicos de alto valor biolóxico.

Imaxes relacionadas

Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.