As vigas de moitas casas antigas do rural sobreviven a aqueles tempos nos que a madeira era o elemento fundamental da construción. Natural e reciclable, ningún outro material cumpre tantos requisitos para liderar agora a sustentabilidade e a economía circular no sector. Finsa e Pemade están a piques de fabricar os primeiros prototipos dunha nova xeración de paredes, muros e teitos que nacen nos montes galegos.

Ilustrado coas súas propias fotografías, a publicación en 1978 do libro O Xardín Chinés catapultou a fama da inclasificable Maggie Keswick Jencks nos EE UU. Foi escritora, artista, deseñadora e filántropa. Naceu en Escocia, pero sentía devoción por Shanghai e Hong Kong desde que as pisou por primeira vez con só 4 anos e descubriu a relevancia dos xardíns na súa cultura, símbolos dun paraíso terreal. Cando unha década despois foi diagnosticada de cancro, Keswick era unha convencida do poder dos ambientes para aliviar o impacto emocional e físico da enfermidade. Ata o último momento traballou duro na organización benéfica que creou para tecer unha rede de centros de apoio a pacientes oncolóxicos sen a frialdade dos hospitais.

O primeiro abriu en Edimburgo en 1996, o ano seguinte da súa morte. Hoxe son 30. Todos diferentes. Hai instalacións con forma de óvalo, elípticas, que imitan elementos da natureza, diáfanas, con amplas ventás… inspirándose no que a entidade chama “a arquitectura da esperanza”. Un dos últimos centros incorporados é o Maggie’s Oldham, o primeiro edificio do mundo construído con madeira contralaminada (CLT, polas siglas en inglés de Cross Laminated Timber) de árbores frondosas. Ademais da beleza externa, os numerosos premios que recibiu loan o uso para a causa dun material capaz de mellorar o benestar das persoas porque reduce a presión arterial e o ritmo cardíaco.

Finsa e Pemade convertéronse nunha referencia para este prometedor nicho de negocio. A empresa galega pioneira na fabricación de taboleiros e a plataforma de enxeñería de madeira estrutural do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) traballan nun modelo de economía circular no sector forestal e no deseño de novos produtos máis sostibles para a construción.

O seu proxecto en común, Eixo, é unha das 46 unidades mixtas de investigación (UMI) impulsadas pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), para incentivar a colaboración estratéxica entre empresas e centros de coñecemento nos retos expostos pola Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3).

Lixeiro e resistente

Do CLT fálase xa como o formigón do futuro. A diferenza dos conglomerados convencionais, as táboas de madeira van superpostas unha sobre outra perpendicularmente para minimizar a dilatación. Segue sendo un material lixeiro, pero moito máis resistente. Tanto, que pode empregarse para muros, paredes, teitos ou revestimentos e con alturas de ata 20 pisos. Ao ir preparado de fábrica, redúcense os tempos de construción.

“Pemade leva anos investigando a madeira como elemento estrutural para a construción e nós tiñamos un proxecto de CTL –explica Javier Portela, director de I+D+i e Calidade de Finsa–. A UMI era unha boa oportunidade para aproveitar os nosos respectivos expertises”.

Novena potencia europea forestal, hai poucos lugares mellores que Galicia para avanzar nos procesos de transformación da madeira. O sector representa o 2% do Produto Interior Bruto (PIB) rexional. Ten 20.000 traballadores e emprega indirectamente a outros 50.000. Case o 40% dos 2.200 millóns de euros da facturación veñen das exportacións. “Hai moita madeira e pouca silvicultura para mellorar o crecemento e as características, que é a forma de conseguir máis valor e elevar o prezo da materia prima. Iso é posible a través de produtos como o CTL”, asevera Portela.

Sumidoiro de CO2

A pé de campo e con visión aérea a través de drons, dúas empresas especializadas na medición da calidade da madeira e recursos naturais (Madera Plus e 3edata) colaboraron cos investigadores de Eixo para realizar un inventario inicial das masas arbóreas dispoñibles en varias parcelas repartidas por Galicia. O tipo, a densidade e a presión inflúen moito no encolado. “Facemos probas con dous piñeiros diferentes, eucalipto nitens, castiñeiro e carballo para ver se os produtos de CTL con eles teñen as propiedades específicas e a calidade suficiente”, explica o responsable de innovación de Finsa.

Un dos puntos esenciais de Eixo é o tratamento para aumentar as características ignífugas e a durabilidade. “Todos os produtos pasan por probas –continúa Portela– para conseguir as certificacións necesarias e cumprir os códigos técnicos”. Ademais da resistencia do CTL, á hora de deseñar e construír a vivenda téñense en conta outros recubrimentos adicionais para blindar a seguridade.

Durante os anos que dure a vivenda, a madeira estenderá a súa función de sumidoiro de CO2. “E se conseguimos a reutilización ou a reciclaxe coa fabricación doutros produtos cando acabe a vida útil do edificio, que é outro dos propósitos da alianza, alongarase aínda máis anos”, destaca Javier Portela. “Unha vantaxe –insiste– clarísima”.

Concienciación e custos

Finsa prevé poñer en marcha en xaneiro a súa nova planta de CTL en Curtis para elaborar prototipos con todos os avances dos dous primeiros anos da UMI con Pemade. “A construción con madeira parece parar nos Pirineos. No resto de Europa, sobre todo en vivendas unifamiliares nos países nórdicos, a porcentaxe é moi alta”, indica Portela, que prevé un revulsivo no sector coa aposta pola economía circular e a eficiencia enerxética no fondo europeo para a recuperación tras o coronavirus (Next Generation EU). De feito, a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), ademais de impulsar a construción en madeira, xa ten presentado ao Goberno central proxectos vencellados a esta temática para optar aos fondos comunitarios.

Será clave tamén a concienciación e que a innovación consiga produtos a un custo alcanzable. “Ocorre o mesmo cos electrodomésticos. Os consumidores escollen por gasto enerxético, pero tamén por prezo –di o directivo de Finsa–. As políticas que fagan os gobernos orientarán moito máis a tomar unha elección adecuada”.

Imaxes relacionadas

Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.