O diminuto corpo das lombrigas agocha unha potente depuradora natural. Comen restos e devolven nutrientes á natureza. Ecocelta foi a primeira empresa galega en aproveitalas para fabricar abonos ecolóxicos, moi demandados en agricultura, e agora trata con éxito os xurros das granxas de porcos, un dos residuos líquidos máis difíciles de eliminar.

Que poden ter en común Cleopatra, Aristóteles, un monxe benedictino de principios do século pasado e un emprendedor pioneiro en Galicia no tratamento de residuos?

Á última raíña do Antigo Exipto non lle tremía a man para condenar a morte os súbditos que exportaban lombrigas. Era un animal sagrado pola súa capacidade para fertilizar os campos durante as enchentes do río Nilo e delas dependía que fose un ano de boas colleitas ou de fame. Coñecedor dos seus beneficios, o filósofo grego bautizounas coma “os intestinos da terra”. Pero as primeiras referencias ao uso deste tipo de vermes para elaborar compost (vermicompostaxe) non chegaron ata moito tempo despois. En 1930, o monxe Augustus Hessing empregaba lombrigas para eliminar residuos no seu mosteiro.

Unha historia moi parecida á de Sergio Quiroga, enxeñeiro agrónomo, que apostou pola vermicompostaxe para tratar o esterco e os restos de podas no Castelo de Sobroso, en Ponteareas, onde traballaba. “Ofrecéronme a posibilidade de presentarme a un programa de creación de empresas, gañei e así comezou Ecocelta”, explica o seu xerente.

Niveis máximos de produción

Precisamente, o máis difícil do proxecto foron os inicios. “Imaxina tentar algo totalmente diferente ao que existía entón en Galicia”, sinala Quiroga. “Houbo moitas trabas, mesmo sociais, porque algúns consideraban que Ecocelta sería un vertedoiro de residuos e malos cheiros –lembra–. O descoñecemento atrasou o desenvolvemento da empresa”. ¿Como se superan estas trabas? “Esforzo e dedicación”, responde.

Unha década despois, Ecocelta está nos seus niveis máximos de produción de abonos con certificación ecolóxica a partir, principalmente, de esterco, materia vexetal e restos de comedores, que chegan de entidades privadas, administracións públicas, asociacións de montes, confrarías de pescadores e cooperativas agrarias. Os seus produtos ecoinnovadores van dirixidos a hortas, plantas ornamentais e “están a ter moita demanda” nos viveiros do sur de España. A biotecnolóxica traballa tamén con seis adegas, que utilizan o compost de algas e a vermicompostaxe para abonar as vides “con moi bos resultados”.

“Dispoñemos dun equipo de I+D multidisciplinar que nos permite elaborar abonos á carta segundo as necesidades dos clientes e abarcar unha gran parte da demanda”, asegura o fundador.

Ecosistema “propio”

O alcume de Aristóteles para as lombrigas non é casual. O seu poder depurativo está no aparello dixestivo. Aliméntanse de restos orgánicos e liberan excrecións moi nutritivas para o chan. A vermicompostaxe favorece as condicións ambientais nas que viven baixo terra para potenciar o seu labor de descomposición.

O exército de limpadoras de Ecocelta –“as raíñas”, como lles chaman na empresa– está formado por tres tipos de lombrigas, “100% adaptadas aos residuos que xestionamos”. A humidade do clima galego axuda á súa reprodución. “Ás veces bromeamos dicindo que temos un ecosistema único nas nosas pilas de compostaxe –asegura Sergio Quiroga–. Son xa moitos anos de produción”.

A alternativa para os xurros

A nova batalla que afrontan “as raíñas” de Ecocelta é servir de filtro para os xurros das granxas de porcos (vermifiltro). A lei limita a cantidade de ludro que pode aplicarse directamente como abono na terra e as alternativas son “caras e de difícil mantemento”.

“Propoñemos un sistema de depuración biolóxico, de baixo custo e fácil conservación”, sinala Quiroga. Tras a intervención das lombrigas en combinación cun grupo de plantas acuáticas, queda unha parte sólida “ideal para a compostaxe” e outra líquida “apta para regar cultivos sen ningún tipo de risco ambiental”. O proceso alcanza unha depuración do 98% do xurro, un dos residuos líquidos máis complicados de eliminar, polo que Ecocelta considera que a técnica pode estenderse tamén “a outras substancias como augas de saída de depuradora, industriais ou mesmo augas pluviais”.

O proxecto está apoiado por Agrobiotech, o programa de aceleración para o crecemento sustentable de pemes innovadoras galegas nos sectores da biotecnoloxía, a agroalimentación e o forestal, desenvolvido pola Axencia Galega de Innovación (Gain), coa colaboración do Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). “Sentímonos apoiados sempre e, grazas ás sesións de formación, contactamos con outras empresas do sector coas que xurdiron interesantes sinerxías para proxectos”, asevera Quiroga. Cunha delas, Ecocelta concorreu ao Conecta Peme, o programa de Gain para o fomento da cooperación entre pequenas e medianas empresas e entidades públicas en iniciativas de I+D vinculadas á Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, a RIS3.

Economía circular

O equipo de I+D de Ecocelta, recoñecido en 2016 polo Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) e Gain co Premio Bioga á empresa máis competitiva, céntrase agora no desenvolvemento de novos produtos para tratar residuos locais. “A economía circular é a base do funcionamento de Ecocelta e un dos nosos obxectivos é valorizar os restos orgánicos das comarcas contiguas”, indica Quiroga. Máis produtos e máis mercados tamén. A empresa xa vende fóra, aínda que a premisa é, por agora, consolidarse en Galicia.

“A innovación é o que nos permitiu chegar ata aquí. Non foi fácil ser pioneiros en moitas cousas, pero grazas a iso temos unha importante bagaxe en I+D que esperamos perpetuar”, confía o xerente.

Imaxes relacionadas

Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.