Como calquera outra parte dun edificio, ademais da sempre subxectiva cuestión estética, as varandas teñen unha función arquitectónica e deben cumprir os requisitos de seguridade. É posible innovar en algo que parece tan básico? A empresa luguesa Comenza lévao facendo 14 anos cun sistema de módulos en vidro e aceiro inoxidable para dar solucións creativas e económicas a todo tipo de construcións.

Cando Nobu Matsuhisa, un dos estandartes da alta cociña xaponesa, coñeceu a Robert de Niro en 1987 non tiña nin idea de quen era o actor. O coñecido chef dixo despois que pasaba a vida diante dos fogóns, sen tempo nin para ir ao cine. Presentounos un amigo en común, o director Roland Joffé, e entre eles fraguouse unha exitosa alianza empresarial. De Niro namorouse do sushi con aires peruanos de Nobu e pediulle que o avisase se decidía abrir un restaurante en Nova York. Hoxe comparten un imperio hostaleiro con máis dunha trintena de establecementos nos cinco continentes.

Hai un ano desembarcaron en España coa apertura do Nobu Hotel Eivissa Bay, seleccionado pola revista especializada en viaxes Conde Nast Traveler entre os 22 mellores hoteis do mundo. Tras unha longa reforma, o antigo hotel Playa Real converteuse nun resort de luxo de 152 habitacións, varias piscinas privadas e un deseño minimalista e diáfano, con vistas ao Mediterráneo desde case todas as estancias grazas a Comenza, a empresa galega que fai da innovación nas varandas para todo tipo de edificacións un negocio global.

“A competencia é cada vez maior, pero tamén hai máis oportunidades e ter potencia e capacidade innovadora é vital para competir a ese nivel”, asegura Marta Rois, directora de Enxeñería e Calidade da compañía, que aposta por ser creativa tamén nos procesos organizativos e nas áreas de comercialización e marketing. “A innovación –incide– ten que estar no ADN da empresa”.

A seguridade sempre presente

Antes de fundar Comenza en 2004, o seu conselleiro delegado, Carlos Ferreiro, dirixía unha empresa de produtos para carpintería metálica e cerraxería. Foi entón cando tivo a idea de buscar un sistema modular de varandas de aceiro inoxidable sen necesidade de soldaduras e, por tanto, máis baratas e fáciles de colocar por calquera carpintería ou cristalería, aínda que non sexan especialistas neste tipo de material. “Ao estandarizar o sistema podemos aproveitarnos das economías de escala reducindo custos e facendo o produto máis competitivo que se fose por encargo”, explica Rois. O formato de módulos permite adaptarse a diferentes contornas e proxectos e aos requisitos de seguridade das normativas e códigos técnicos de edificación de cada país.

O estudo da lexislación local en materia de seguridade na construción é un dos primeiros pasos que os enxeñeiros e os arquitectos da compañía con sede en Lugo dan para entrar nun novo territorio. Cada produto está pensado para o mercado obxectivo ao que se destina. “Dimensionámolo con software de deseño e cálculo mecánico atendendo ás cargas que vai soportar e, unha vez que temos os produtos reais, sometémolos ás probas de carga acordes á normativa do país”, describe Marta Rois.

Comenza conta co seu propio laboratorio de ensaios para facelo e coa colaboración de entidades certificadoras externas como Applus en España ou CSTB en Francia.

Deseño e eficiencia

O cátalogo da empresa integra tres grandes grupos de produtos: sistemas de varandas de vidro, de aceiro inoxidable e pasamáns de parede. A elección do material depende, entre outras razóns, da capacidade de resistencia da estrutura cos parámetros marcados pola normativa de seguridade do país, da forma do produto, da durabilidade, do custo ou do ambiente. Non é o mesmo unha varanda de exteriores que unha que vai no interior ou se o inmoble está nunha zona de costa.

“A importancia e o impacto da varanda na contorna son evidentes, por iso entendemos que o deseño debe mimetizarse coas tendencias da arquitectura a todos os niveis”, conta Rois. Comenza está moi pendente das novidades do mercado. Non só das empresas competidoras, senón tamén dos líderes de sectores industriais e tecnolóxicos vinculados á súa actividade.

O deseño concíbese máis aló da estética, de sacar un produto atractivo e diferente. “Busca que cumpra a súa función da maneira máis eficiente posible –remarca–, coa consecuente redución de custos que isto supón”. Como se consegue? “Con confianza cos clientes”, responde Rois. A empresa dispón dun equipo de asesoramento especializado para informar e resolver dúbidas en galego, castelán, inglés e francés e dunha oficina técnica para axudar na elección do mellor sistema para o comprador.

Innovación continua

A participación no programa Principia da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), para impulsar a contratación de tecnólogos e favorecer a demanda de persoal cualificado en I+D nos sectores público e privado trouxo a Comenza “talento”, segundo Marta Rois. “Incorporamos ao noso equipo de deseño e desenvolvemento de produto unha persoa moi nova con formación especializada –continúa– que está dando ideas e buscando solucións á vez que se desenvolve profesionalmente na empresa”.

Comenza é tamén una das beneficiarias dos apoios do InnovaPeme, o programa impulsado por Gain para fortalecer a competitividade das pequenas e medianas empresas a través do financiamento da metade do custo dos plans de innovación aliñados coas prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, a RIS3. O seu plan abarca desde a transformación dixital do modelo de negocio ao lanzamento de novas liñas de produto. “O programa, ideal para empresas deste tamaño porque se adapta moi ben ás súas necesidades, está a axudarnos a mellorar a nosa capacidade innovadora para poder ser máis competitivos no gran mercado global”, relata Rois.

Xunto co Nobu Hotel Eivissa Bay, hai varandas con selo galego de Comenza en varios hoteis máis do grupo Meliá en Mallorca e Ibiza (premiado á mellor reforma hostaleira de 2015 en Europa), na liña 1 do Metro de Panamá e no residencial L´Arbre Blanc de Montellier (Francia). “Buscamos resolver problemas existentes con solucións creativas con valor engadido, poñendo énfase na seguridade”, afirma Marta Rois. Iso permitiulle abrir vistas a medio mundo. A empresa vende en boa parte de Europa (España, Portugal, Reino Unido, Suecia, Noruega, Dinamarca, Eslovenia…), ten unha presenza importante en Latinoamérica (México, Costa Rica, Panamá, Chile ou Perú) e actividade comercial tamén en Emiratos Árabes, Arabia Saudita, Marrocos ou Alxeria. “Continuamos abrindo mercados”, avanza Rois.

Imaxes relacionadas

Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.