«Poñer produtos innovadores no mercado evita pelexar só polo baixo custo».

Os zapatos de Codeor están pensados para os traballadores que saben que a saúde tamén está nos pés. E sen renunciar á estética máis moderna. O fabricante ourensán conquistou o mercado do calzado profesional grazas á calidade que consegue coa busca continua de novos materiais e deseños ergonómicos e cun sistema de confección con tecnoloxía avanzada.

A primeira vista, Yin non se diferencia de calquera modelo de calzado deportivo, unha icona agora mesmo do fenómeno streetwear na moda. É unha zapatilla unisex de cor negra, cun tecido parecido ao cordame, aínda que totalmente impermeable e composto por un tipo de fibras que a fan transpirable e resistente á abrasión e ás roturas. Leva materiais de grande amortiguación, tratamento antibacteriano e un longo etcétera de prestacións porque está feito para auténticos esprintes… laborais.

Codeor asina esta nova liña de calzado profesional, outro exemplo do talento innovador da empresa que leva medio século preocupada polo confort e a boa saúde dos pés dos profesionais, sobre todo da sanidade e a hostalería. “Vimos que á xente lle gusta levar calzado deportivo por estética, pero non ten propiedades para estes usos, así que decidimos reproducir o estilo con todas as prestacións”, conta o director comercial, Lisardo González. Non hai rastro de monotonía nas creacións do fabricante do Pereiro de Aguiar (Ourense). Liñas modernas cheas de cor e mesmo con estampados que se fan cun sistema de sublimación na fibra que impide o borrado.

Diversificación no momento xusto

Ese olfacto para cazar as tendencias pasou de xeración en xeración nesta empresa familiar ata o lanzamento en 1992 da marca Confortina. En poucos anos converteuse na líder do mercado na súa especialidade polo éxito “dun calzado cómodo para pés delicados, especialmente de mulleres maiores –explica o responsable comercial–. Funcionou tan ben que durante dez anos estivemos basicamente só con ese produto”.

Codeor deseñaba, pero non fabricaba. “Non quedaba moita marxe de crecemento e reorientamos o negocio ao calzado de calidade con propiedades pensadas para os traballadores, con fabricación propia para controlar todo o proceso e abríndonos á comercialización na canle de vestiario profesional”, relata Lisardo González.

Tecnoloxía punteira para competir

A implementación de tecnoloxía punteira de inxección para a confección do calzado marcou o cambio de rumbo da empresa e aínda hoxe é parte da receita do seu éxito. A sola e o corte fusiónanse, formando unha única peza, sen ter que pegar nin coser. “Non hai risco de que se desprendan as dúas partes do zapato”, describe González.

As solas son moi flexibles, lixeiras, con moita amortiguación, “algo clave porque cando camiñamos damos moitos golpes no talón e estas solas absorben os impactos”. Ao estar perfectamente integradas, pódense meter na lavadora. Mellora o confort térmico do zapato eliminando a calor xerada no pé, a diferenza do efecto acumulativo que ten a cola do pegado.

Un par de zapatos made in Codeor que use, por exemplo, unha camareira a diario “pode durar máis dun ano tranquilamente”, segundo o director comercial. Hai cadeas de restaurantes moi coñecidas que aconsellan a marca ao seu cadro de persoal. A aposta pola excelencia na produción recibiu o respaldo do programa Impulsa Ourense do Igape: “É unha tecnoloxía complexa e cara que supón unha barreira de entrada para os nosos competidores. A nós permítenos ser máis eficientes e sacar uns 800 pares nunha quenda”.

Novos materiais e ergonomía

A procura de novos materiais e a ergonomía protagonizan a innovación de Codeor para seguir diferenciándose no mercado, en colaboración moitas veces cos seus provedores téxtiles. A empresa formou parte do proxecto Protgal para a especialización do sector do calzado de Galicia no ámbito da saúde, cofinanciado con fondos do Feder-Interconecta polo CDTI e a Axencia Galega de Innovación.

Codeor acaba de presentarse a outra convocatoria do CDTI para un proxecto de corte de zapatos con fibras aditivadas. “Pensámolo para que se adapte moi ben aos pés da xente maior porque incluirá compoñentes biocidas e biocerámicos que favorecen a circulación”, afirma Lisardo González.

Por que innovar?

En Codeor dubidan de que exista unha concienciación xeneralizada na sociedade sobre a importancia da boa saúde dos pés ou sobre a importancia da elección do calzado na prevención dos riscos. “A pesar diso, si hai cada vez máis xente que agradece que existan produtos coma os nosos e búscanos porque saben que lles van ben”, sinala o seu director comercial. Por esa razón, González defende tanto “a boa comunicación” de todas as vantaxes que a innovación achega ao seu calzado profesional.

“A innovación é o futuro. É a clave para poñer produtos de valor no mercado. Que sexan bos e funcionen para estimular a demanda da xente e xustificar un prezo razoable para o produto”, describe González. Para iso “hai que transmitirlle ao cliente as propiedades que teñen e buscar canles de comercialización para facilitar o acceso ao produto”. “Iso é o que lle dá viabilidade comercial porque, pola contra, terías que pelexar co calzado importado que entra no mercado a prezo moi baixo. E ese camiño non leva a ningunha parte”.

Visualiza e descarga a reportaxe en PDF.

Imaxes relacionadas

Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.