Nos Alpes búscanse desaparecidos con tecnoloxía deseñada en Galicia. A multinacional Centum Research & Technology renovou o mercado dos dispositivos de salvamento cun sistema capaz de localizar persoas a través dos seus teléfonos en zonas sen cobertura. O mellor aliado posible na busca de vidas contra o reloxo.

Poucas traxedias suscitaron tanta curiosidade e sorpresa coma o accidente do avión da Forza Aérea Uruguaia que se estrelou o 13 de outubro de 1972 con cinco tripulantes e 40 pasaxeiros a bordo, a maioría deles xogadores dun popular equipo de rugby. O desenlace é dabondo coñecido. No accidente que inspirou a película “Viven” só houbo 16 sobreviventes despois de máis de dous meses de illamento e loita contra a morte.

A confusión sobre a localización do aparello e a ausencia de comunicacións levou ao grupo de busca a dalos por falecidos. Case medio século despois, o milagre dos Andes sería hoxe probablemente unha fazaña menos dura grazas aos avances tecnolóxicos aplicados en servizos de emerxencias, nos que Centum Research & Technology é un referente.

Un concurso de ideas

Lifeseeker –o buscador de vidas, en inglés– xurdiu do concurso de ideas para produtos e servizos cun alto grao de innovación organizado por Centum entre os seus traballadores. Un deles, Isaac Ballesteros, procede da alta montaña e aproveitou a experiencia da compañía nos seus dous principais mercados, a aeronáutica e as telecomunicacións, para ofrecer unha solución novidosa ás moitas dificultades no rastrexo de persoas desaparecidas.

O proxecto gustou tanto que Centum, con sede en Madrid e filiais en Alemaña e Brasil, creou unha empresa en Vigo para o desenvolvemento en exclusiva do produto. Encaixaba á perfección coa súa filosofía de investir en tecnoloxías prácticas. “Que mellor forma de facelo que contribuíndo a salvar vidas”, afirma Héctor Estévez, socio e CEO de Centum Research & Technology.

Cobertura en zonas remotas

Como o mellor sabuxo pode facer en terra, Lifeseeker é capaz de olfactear desde o aire os teléfonos móbiles de desaparecidos ou vítimas dun accidente, mesmo en lugares remotos e sen cobertura ou con condicións meteorolóxicas adversas.

Desde o aire, embarcado nun helicóptero, un sensor proporciona unha área de cobertura á que poden conectarse os teléfonos. “É como se o helicóptero levase unha pequena torre de telefonía –explica Estévez– como as que estamos afeitos ver nas ladeiras ou enriba dos edificios”.

¿Hai que ter un smartphone? Non, funciona ata co móbil máis rudimentario. A única condición é que estea acendido.

Tamén a bordo do helicóptero vai o sistema informático que capta o sinal do teléfono, permite contactar por voz ou mensaxe coa vítima para coñecer o seu estado e transmite as coordenadas de localización aos equipos en terra.

Cunha operativa simple e intuitiva, deseñado para que calquera persoa que participe nun rescate, sen formación técnica, poida realizar unha misión con menos de tres horas de adestramento, a principal vantaxe de Lifeseeker é a súa loita contra o tempo. Iso que botan de menos os profesionais de emerxencias e marca a distancia entre a vida e a morte en lugares de difícil acceso.

Xa funciona nos Alpes

Gústanos o risco. Pero os deportes extremos e as actividades lúdicas ao aire libre como o sendeirismo poden acabar nun pesadelo sen as cautelas necesarias para practicalos. As intervencións das forzas de seguridade non paran de crecer. Nos anos 80 eran 200 por ano. En 2015, segundo a Garda Civil, ascenderon a 920.

Lifeseeker busca xa vidas nos Alpes, destino idílico de alpinistas e esquiadores, e a compañía está a pechar acordos despois “dun elevado número de peticións” para demostracións en varios países de todo o mundo.

“A expectación que está a xerar é moi alta, pero é importante destacar a dificultade asociada a ser o primeiro en chegar para cambiar a forma das cousas nun sector e o arduo traballo para abrir camiño”, revela Héctor Estévez.

Exemplo de transferencia tecnolóxica

“Desde a súa creación, Centum Research & Technology sempre seguiu os principios da innovación aberta. Se hai alguén máis experto ca ti nunha materia, ¿por que non buscar unha alianza con el?”, lembra Héctor Estévez. Así naceu o consorcio da compañía co Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) e o Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) da Universidade de Vigo. Un exemplo de sinerxías entre unha empresa innovadora e centros de coñecemento que permitiu sacar un produto de vangarda ao mercado dos sistemas aeronáuticos de misión.

A relevancia do proxecto afianzou o papel da filial galega, que pasou de ser a incubadora de I+D do grupo Centum a converterse nunha empresa con contido propio, apta para desenvolver e comercializar os seus produtos de forma global.

A Axencia Galega de Innovación (Gain) e Xesgalicia apoiaron o potencial da compañía a través do fondo tecnolóxico i2C para apoiar, mediante capital risco, proxectos empresariais innovadores, especialmente os que resulten da posta en valor do coñecemento xerado polos axentes do sistema galego de I+D+i. A súa achega en 2015 “foi fundamental para pechar a nosa primeira rolda de captación de investimento”, destaca Estévez, “xa que serviu de tracción e axudounos a completar o panel de investidores inicial, entre os que se atopan figuras relevantes da industria aeronáutica mundial e os membros do Club de Investidores do Clúster TIC, que se estrearon como investidores no noso proxecto”.

O fondo de capital risco da Xunta reforzou a súa posición nunha nova rolda de investidores en abril. “Desde a súa entrada –engade Estévez–contribuíu de forma positiva, non só co financiamento, senón tamén co seu consello noutros aspectos máis operativos da empresa”.

¿E a onde voa agora Centum Research & Technology? “Como nos gusta dicir, o noso obxectivo non é voar, senón voar cun obxectivo”, apunta o seu CEO. A compañía traballa en novas funcionalidades de Lifeseeker para adaptarse ás peculiaridades de cada caso de desaparición e é, ademais, “un claro exemplo”dun produto preparado tecnoloxicamente e en custo para o uso de drons en emerxencias.

Imaxes relacionadas

Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.