Actualmente, o obxectivo do proxecto Canther é rematar de mellorar un composto que se poida desenvolver como medicamento para chegar a un ensaio clínico, ademais de consolidar a estratexia de propiedade intelectual e de negocio para poder constituír unha spin-off que permita chegar ata a proba de concepto clínica.

As metástases son responsables do 90% das mortes dos pacientes que padecen cancro e actualmente existen limitadas opcións terapéuticas dirixidas a este ámbito. Para cubrir esta necesidade médica tan relevante para a sociedade, naceu o proxecto Canther (Cancer Therapy ou terapia contra o cancro), que conta co apoio do Programa Ignicia, promovido pola Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación en colaboración coa Fundación Barrié.

O equipo deste proxecto, liderado por Angélica Figueroa, do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), está constituído por tres persoas no laboratorio con orientación científico-técnica, un experto en química médica, un experto en metabolismo e farmacocinética de fármacos e un project manager. Este equipo de I+D complétase con asesores legais, de patentes, de negocios e clínicos. O grupo está centrado no estudo da progresión tumoral do cancro en etapas temperás, é dicir, antes de que as metástases ocorran. Así, identifican unha innovadora diana terapéutica implicada no proceso de metástase e deseñan moléculas capaces de bloquear a acción desta diana e por tanto, en consecuencia, bloquear as metástases.

Actualmente, o obxectivo do proxecto Canther é rematar de mellorar un composto que se poida desenvolver como medicamento para chegar a un ensaio clínico, ademais de consolidar a estratexia de propiedade intelectual e de negocio para poder constituír unha spin-off que permita chegar ata a proba de concepto clínica. “Se chegamos a este punto a idea é vender a empresa ou licenciar a tecnoloxía a unha grande empresa farmacéutica. Sen dúbida, o desenvolvemento dun fármaco antitumoral require moito financiamento. É un reto de grande envergadura, pero á vez é un gran soño poder pensar en axudar aos pacientes con cancro metastático”, asegura Figueroa.

Un dos cancros no que están a traballar é o colorrectal, un dos máis frecuentes en todo o mundo e un dos que máis incidencia teñen en España. En 2018, GLOBOCAN estimou aproximadamente 18 millóns de novos casos de cancro en todo o mundo, dos que 1,8M corresponden a este tipo de cancro. O 25% dos cancros colorrectais son metastásicos no momento do diagnóstico e aproximadamente o 50% desenvolverán metástases durante o curso da enfermidade. Por tanto, o desenvolvemento dun composto que bloquee as metástases contribuirá a reducir a mortalidade. Ademais, segundo o mecanismo de acción, o emprego deste fármaco non só serviría para beneficiar aos pacientes con cancro de colon senón tamén a pacientes con cancro gástrico ou de pulmón, entre outros.

Sobre o que o Programa Ignicia achegou ao desenvolvemento de Canther, Angélica Figueroa asegura: “Permitiunos seguir formándonos no mundo empresarial a través do apoio con asesores estratéxicos cruciais para poder embarcarnos nun proxecto de negocio desta envergadura. Completamos o noso equipo científico con expertos en estratexia de negocio, de patentes, asesoría legal entre outros. Ademais, o financiamento máis importante estivo enfocado en avanzar o desenvolvemento do fármaco e isto implica moito traballo do noso equipo científico”. O proxecto Canther tamén recibiu en 2019 o apoio do programa de concorrencia competitiva CaixaImpulse Validate, da Fundación La Caixa.

Imaxes relacionadas

Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.